
O Poio que funciona avoga pola transversalidade social
Estar ao carón dos veciños e veciñas, coñecer as súas necesidades e buscarlles solución é a prioridade de calquera Concello e o eixe principal sobre o que xiran todas as propostas para un Poio que Funciona.
Gregorio Agís e o seu equipo avogan por unha política aberta, participativa, no que os colectivos sociais sintan que o Concello é a súa casa cunha firme aposta polo diálogo e polo traballo conxunto.
A acción social proposta polos socialistas xira en torno a un eixe transversal de actuación no que as Políticas a prol de Igualdade serán básicas, levaranse a cabo os doce meses do ano, e sobre todo implicarán aos máis novos e aos centros educativos.
“Traballaremos man a man con todos os axentes sociais e cos colectivos de mulleres do noso municipio para desenvolver medidas encamiñadas á consecución da igualdade real entre homes e mulleres como será a través de encontros, faladoiros e formación”, engade Gregorio Agís.
Como pai de dúas fillas e profesional, Gregorio Agís sabe da necesidade das medidas de conciliación para as familias. O esforzo neste eido centrarase en ampliar a cobertura dos programas actuais, estendendo o Espazo Concilia aos períodos non lectivos ao longo de todo o ano, ademais do verán, con datas sinaladas como a tempada de Nadal e a Semana Santa.
Tamén é clave para que a conciliación funcione que se fomente e colabore na implantación do servizo de comedor escolar e do Plan Madruga en todos os centros educativos de Poio. “Buscamos así buscamos dar opcións ás familias para compatibilizar a crianza coa xornada laboral, sen ter que recorrer a centros fóra do noso municipio, evitando deste xeito peches de aulas por falta de alumnado”, insiste o candidato do PSdeG.
Así mesmo, a candidatura de Gregorio Agís creará espazos de mediación comunitario co obxectivo de que os conflitos que se xeran na contorna poidan resolverse a través deste sistema sen ter que chegar aos xulgados.
-Espazos de lecer
Velar polo benestar da veciñanza abrangue tamén aos cativos e á rapazada e, dun xeito especial, aos maiores. Para todos eles, e buscando tanto a convivencia interxeracional como fomentar os hábitos de vida saudables, se dotará a Poio de dous grandes parques infantís e zonas de recreo ben equipados en A Seca e Lourido.
No primeiro incluiranse elementos e mesas de xogo, escenario e bancadas ao aire libre para programación de eventos culturais e se deseñará un sendeiro saudable que inclúa a instalación de novos elementos biosaludables. Ademais se incluirá un circuíto de educación vial na explanada onde se localiza a verbena que servirá de espazo multiuso así coo unha mini pistas de fútbol na actual pista asfaltada de detrás do kiosko.
Polo que respecta ao Parque de Lourido instalarase unhas minipistas de fútbol e baloncesto, así como unha marquesina de abrigo.
Tamén o Poio que Funciona pasa por dinamizar a vida social e facilitar a convivencia, de aí que a candidatura de Greogorio Agís apostan pola celebración do festival da infancia “Arrolos” con espazos musicais, obradoiros, postos de artesanía vinculados á infancia así como charlas con referentes da pedagoxía e da crianza.
Pola súa banda, e sempre co obxectivo de priorizar o benestar dos maiores, o Palacete de Besada funcionará tamén de espazo de encontro.