
Gómez Besteiro avala a candidatura de Gregorio Agís por un Poio que Funciona
O candidato socialista á alcaldía do Concello de Poio, Gregorio Agís, xunto ao seu equipo mantiveron esta tarde un encontro co delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro. A reunión serviu para repasar algúns dos grandes proxectos emprendidos no pasado mandato e poñer en valor os plans futuros.
Entre as cuestións que se compartiron destaca a realización da senda do Padrón que unirá A Seca con Combarro, nun circuíto cunha extensión de 1.025 metros. Trátase dunha das cinco sendas que o grupo de Gregorio Agís quere recuperar na costa do municipio para comunicar e articular núcleos costeiros e dar así continuidade aos paseos xa existentes entre Laño-Covelo, A Seca-Campelo e Campelo-Lourido, impulsados tamén polos socialistas.
“É un traballo que levamos facendo dende hai moito tempo para configurar todo un fronte costeiro de 8,5 km de senda litoral, coa importancia que ten desde a perspectiva da promoción turística, da calidade de vida, do desfrute de espazos de lecer para a veciñanza e da recuperación de espazos ambientais”, afirma Gregorio Agis.
Nesta cita tamén se subliñou a nova anunciada esta mesma mañá da aprobación por parte do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico da expropiación urxente dos terreos para as obras do proxecto de ampliación da EDAR de Paxariñas e as actuacións en colectores. “Unha decisión moi importante para nós porque é froito do acordo co Concello de Sanxenxo e do propio Estado”, insiste o candidato socialista.
Greogorio Agís insistiu ademais na necesidade da recuperación integral de Combarro, cun “proxecto transformador que na actualidade temos valorado nuns 4 millóns de euros”. “Trátase de que Combarro e o litoral de Poio conten no próximo mandato con actuacións relevantes que xa están en marcha, moitas delas aprobadas, validadas, ou en execución, que van a transformar este lugar. A idea é crear un municipio do que nos sintamos orgullosos e do que poidamos presumir”, enfatiza Agís que agradeceu a visita do delegado do goberno.
Pola súa banda, Gómez Besteiro, ademais de sinalar a Agís como “o próximo alcalde de Poio” subliñou a liña dos proxectos da candidatura socialista que “apostan polo que aposta a administración agora, a Administración Europea, como son a recuperación medioambiental, turística, do patrimonio, en definitiva, cousas que van a rentar para este Concello”.
“Estes máis de dez proxectos que puiden seguir neste momento do candidato, din moitísimo del. Iso é o que lle preocupa a xente, como vai ser o seu futuro, como van compartir e quen vai dirixir o destino deste Concello. Eu estou orgulloso”, afirmou o delegado do Goberno en Galicia.