
A Illa de Tambo, un pasado e un presente que hai que protexer para un Poio que Funciona
Poucos concellos poden presumir de contar cunha illa de lenda, chea de historia, protagonista de relatos que mergullan en épocas pasadas e sobrada de encanto e de natureza.
Din de Tambo que acolleu un altar pagano construído como culto ao deus Tomeóbrigo, e tamén un templo dedicado a Neptuno; por ela pasou o pirata Francis Drake e quen queira crer, incluso pode deixarse atrapar pola fábula de Santa Trahamunda, a guapa novicia secuestrada no ataque de Abderramán. Refuxio de hermitaños, sempre foi un oasis para a vida monacal e contemplativa.
A illa de Tambo é historia e é presente do Concello de Poio porque neste mandato, gracias ás xestións realizadas co Ministerio de Defensa logrouse á cesión completa ao municipio para desfrute de toda a veciñanza.
“A zona estaba vetada e logramos que se convertese nun espazo público máis do noso municipio e, ao mesmo tempo, un recurso importante para o desenvolvemento económico no eido turístico e na recuperación ambiental”, subliña Gregorio Agís, que como concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo nesta lexislatura acadou este importante obxectivo para a vila.
Pero tralo fito histórico que supuxo esta cesión, o Poio que Funciona quere ir máis aló.
Entre as medidas que impulsarán a candidatura socialista para Tambo destacan avanzar na redacción do ENIL (Espazo natural de interese local) para garantir a protección da Illa, así como no plan de usos para definir as liñas estratéxicas de recuperación e posta en valor dos recursos.
“Tamén é clave establecer as prioridades e a folla de ruta para optimizar a recuperación dos valores arqueolóxicos, arquitectónicos e naturais e garantir un uso sostible da illa”, subliña Gregorio Agís.
-Recursos naturais
O Poio que Funciona traballará na posta en valor dos recursos naturais, fauna e flora deste enclave único e exemplar e continuará coas visitas programadas a Tambo para colectivos e o tecido asociativo do noso concello, ademais da veciñanza en xeral.
Avanzar na recuperación da masa forestal autóctona a na mellora e limpeza do sotobosque, garantindo a preservación dos valores ambientais tamén e prioritario.
Xunto a todas estas iniciativas, o grupo socialista insiste na posta en marcha dun programa de prevención de incendios e a mellora e recuperación das sendas existentes e acondicionamento dos accesos, ademais da recuperación do sistema Dunar e a eliminación das construcións sen valor.
Debe dotarse a Tambo de aseos e servizos, acorde aos novos usos e á chegada de visitantes, así como a rehabilitación e mellora do molle de acceso.